Logo Proxecto Paisaxe

Innovación

Durante o curso 2024/2025 os alumnos e alumnas de segundo do ciclo de desenvolvemento de aplicacións web (DAW) do CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro participan no Proxecto Paisaxe e sustentabilidade dentro da iniciativa de innovación educativa Plan Proxecta.

O obxectivo principal é fomentar o traballo cooperativo, interdisciplinar e competencial pero en temáticas comprometidas coa consecución dos obxectivos de desenvolvemento sostible da Axenda 2030.

Programa Paisaxe e sustentabilidade

Este programa ten como obxectivo desenvolver coñecementos e recursos para comprender e interpretar as paisaxes próximas e cotiás a través dos seus elementos constitutivos, da súa diversidade e do seu valor cultural e simbólico, para desenvolver unha actitude responsable no marco da sustentabilidade e para desenvolver propostas que melloren a súa calidade.

Obxectivos

  • Desenvolver a comprensión da paisaxe onde vive o alumnado a través do recoñecemento dos seus elementos constitutivos, diversidade natural, cultural, o valor simbólico e a importancia da preservación do territorio e da paisaxe.
  • Fomentar o estudo e a análise interdisciplinaria da paisaxe, relacionando os coñecementos curriculares das diferentes materias para que poña en marcha propostas innovadoras que desenvolvan a capacidade interpretativa sobre os espazos próximos e cotiáns.
  • Implementar pequenos proxectos de estudo, interpretación e intervención na contorna próxima que, liderados polo alumnado, incorporen a paisaxe como obxecto de aprendizaxe e constitúan unha mellora para a súa posta en valor.
  • Empregar ferramentas gráficas que permitan representar o espazo: cartografía, fotografía, audiovisual. Potenciar o traballo en equipo e a iniciativa persoal, coordinada co profesorado e integrando a participación da comunidade escolar e local no desenvolvemento do proxecto (pais, veciños etc.) e difundir na rede os mellores proxectos.

Ferramentas, recursos e actividades con fins educativos

O alumnado do ciclo contribúe elaborando diferentes recursos educativos en contorno web para dar a coñecer as paisaxes da comarca de Ferrol, próximas ao noso centro e concienciar acerca da importancia do seu coidado a través da participación activa e colaborativa facendo fincapé na súa sustentabilidade.

As contribucións dos estudantes son moi variadas incorporando dende fichas informativas con elementos de patrimonio histórico, cultural e natural, xogos e actividades educativas ou formularios e funcionalidades de xestión que axuden á labor do proxecto e como recursos educativos para que empregue alumnado de infantil, primaria, ESO, Bacharelato ou outros ciclos formativos.